Wednesday 15 de May de 2024

O Concello acomete obras de mellora da accesibilidade na rúa San Xaime, no barrio da Sagrada Familia


Os traballos, postos en marcha para garantir espazos para a instalación de elevadores en tres comunidades veciñais, abranguen a ampliación da beirarrúa lindeira e a reforma dos pasos peonís na contorna

É a terceira intervención executada polo Goberno de Inés na contorna da praza da Sagrada Familia no que vai de ano, tras os traballos de renovación da propia praza e a do parque infantil de San Xaime

O Concello da Coruña deu comezo, a inicios desta semana, aos traballos para a mellora da accesibilidade no sector sur da rúa San Xaime, no barrio da Sagrada Familia, obras que se están a executar en base á petición das comunidades de veciños dos portais 25, 27 e 29, fronte á praza da Sagrada Familia. Ditas obras son necesarias para a instalación de elevadores na fachada dos tres inmobles.

Neste sentido, e aproveitando os traballos, a Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, así como a de Medio Ambiente e Sostibilidade, están levando a cabo unha intervención de reforma integral na beirarrúa lindeira a estas tres comunidades veciñais, ampliando o espazo de paso peonil en 1,3 metros con respecto ao disposto con anterioridade, e incluíndo, por outra banda, dúas novas áreas verdes, con dous parterres e sendos exemplares de arboredo.

En paralelo, tamén se executarán melloras do pavimento e en dous pasos peonís da contorna: o primeiro, no acceso á rúa Alberto Datas Panero; e o segundo, no paso peonil próximo ao portal 29 da rúa San Xaime, que trala reforma pasará a estar en elevación, co obxectivo de reforzar a seguridade das veciñas e veciños e pacificar o tráfico rodado.

A ampliación da beirarrúa no tramo da rúa San Xaime entre os portais 25, 27 e 29 implicará o traslado de varias prazas de estacionamento á rúa Alberto Datas Panero.

A previsión do Goberno municipal é que os traballos, que comezaron este luns, rematen no prazo dun mes, a finais de novembro.

Terceira intervención deste ano 2022 na contorna da praza da Sagrada Familia

As obras de ampliación na beirarrúa da rúa San Xaime supoñen a terceira intervención executada este ano polo Concello na contorna da praza da Sagrada Familia, onde a Concellaría de Medio Ambiente e Sostibilidade culminou, a comezos de agosto, os traballos de mellora na propia praza, cunha intervención en máis de 1.106 metros cadrados de superficie, na contorna da igrexa de San Rosendo.

As melloras incluíron a revisión do firme da praza, a área biosaludable de exercicios, os camiños de acceso e a zona de estacionamento de bicicletas, coa idea de darlle unha uniformidade total. Neste sentido, dispúxose unha nova capa texturada para reforzar a seguridade das persoas usuarias, evitando os esvaróns. Ademais, acondicionáronse os accesos principais á praza, para facela máis accesible ás persoas con discapacidade.

Ademais, e no pasado mes de maio, o servizo de Infraestruturas rematou outra intervención no parque infantil de San Xaime, onde se renovou a zona de xogos para duplicar a superficie do parque ata os 124 metros cadrados, engadindo ademais novos elementos para múltiples xogos para a rapazada. Os traballos enmárcanse dentro da estratexia de investimentos nos barrios posta en marcha polo Goberno de Inés Rey.